Bragança acolle a I International FoodTec Conference

Os días 27, 28 e 29 de outubro, a cidade de Bragança acolleu a I International FoodTec Conference (IFTC), un encontro que reuniu máis de 300 participantes dos ámbitos académico, empresarial e institucional procedentes de 12 países, converténdose no epicentro da investigación e da innovación alimentaria na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal.

Organizada polo Instituto Politécnico de Bragança (IPB) e polo Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA) da Universidade de Vigo, en colaboración co INL – International Iberian Nanotechnology Laboratory, os clústeres Portugal Foods e Clusaga, e os laboratorios colaborativos AquaValor e MORE CoLAB, no marco do proxecto europeo Net4Food (Interreg POCTEP), a conferencia tivo como obxectivo impulsar unha rede de excelencia en innovación e sustentabilidade alimentaria e avanzar no desenvolvemento do futuro Iberian FoodTec Lab (IFL).

Durante o evento, David Fernández Calviño, director do IAA, destacou o impacto da rede Net4Food e presentou as accións desenvolvidas para fortalecer a cooperación entre investigación e industria na Eurorrexión. Ademais, participaron con comunicacións orais investigadores do IAA pertencentes ao Grupo Food and Health Omics (CF1) —Icía Gómez Pérez, Jorge Pardellas Soto e Rodolfo Dinis Pinto Simões—, que contribuíron con achegas centradas na innovación e sustentabilidade alimentaria.

Baixo o lema “Shaping the Future of Sustainable Food Ecosystems”, a IFTC contou con máis de 200 pósteres, 36 comunicacións orais, 13 relatorios maxistrais e seis sesións plenarias, nas que se abordaron cuestións como a innovación tecnolóxica, a seguridade alimentaria, a valorización de recursos endóxenos e a dixitalización do sector. A investigadora Lillian Barros (IPB) salientou que a conferencia “cumpriu plenamente os seus obxectivos, consolidando redes transfronteirizas e creando novas oportunidades de colaboración”.

O encontro marcou tamén o peche do proxecto Net4Food, simbolizando o inicio dunha nova etapa de cooperación orientada a posicionar a Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal como referente europeo en sistemas alimentarios sostibles e innovadores.