O IAA avanza na creación do Iberian FoodTec Lab

Participantes na xuntanza

O Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA) participou o pasado 19 de xaneiro nunha nova xuntanza de traballo para avanzar na creación do Iberian FoodTec Lab, o futuro laboratorio ibérico en ciencias alimentarias impulsado pola Universidade de Vigo e o Instituto Politécnico de Bragança. A reunión, celebrada no campus de Ourense, serviu para continuar definindo os seguintes pasos deste proxecto estratéxico de cooperación transfronteiriza.

O Iberian FoodTec Lab nace como unha iniciativa acordada polos gobernos de España e Portugal no marco dos cumios bilaterais, coa finalidade de fortalecer a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento no ámbito agroalimentario. Durante os últimos tres anos, as bases científicas e institucionais deste laboratorio fóronse consolidando a través do proxecto europeo Net4Food, financiado polo programa POCTEP (Interreg España–Portugal) e fondos Feder.

A participación da Universidade de Vigo neste proceso canalízase a través do IAA, reforzando a súa posición como referente en investigación agroalimentaria e sustentabilidade. O Instituto contribúe coa súa experiencia en agroecoloxía, calidade alimentaria, produción sostible e valorización de recursos, aliñándose coa estratexia de especialización do Campus Auga do campus de Ourense.

Tras esta nova reunión institucional, as entidades implicadas traballan agora na elaboración dunha proposta consolidada do Iberian FoodTec Lab que poida ser presentada no vindeiro cumio luso-español. O obxectivo é que este laboratorio se converta nun polo de referencia internacional en ciencia e tecnoloxía dos alimentos, favorecendo a cooperación entre universidades, centros de investigación e sector produtivo da eurorrexión Galicia–Norte de Portugal.

A noticia completa pode lerse no DUVI.