Campus Auga: innovación, sustentabilidade e coñecemento ao servizo do territorio

Representantes do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA) participaron o pasado 31 de outubro no Foro La Región, un encontro celebrado no Campus de Ourense que reuniu representantes do ámbito académico e institucional para reflexionar sobre o papel do Campus Auga como motor de desenvolvemento económico e social da provincia.

O evento serviu para poñer en valor o modelo de especialización do Campus Auga e a súa aposta pola innovación, a transferencia de coñecemento e a sustentabilidade como eixos estratéxicos para o futuro de Ourense.

Na mesa de debate centrada na auga como eixo de desenvolvemento e futuro, interviñeron representantes do IAA —entre eles o director do instituto, David Fernández Calviño; a representante da Universidade de Vigo en Clusaga, María Rosa Pérez; o coordinador do doutoramento en Ciencia Agroalimentaria, Gil Garrote; e o decano da Facultade de Ciencias, Pedro Araújo—. As súas achegas puxeron de relevo o alto nivel investigador do Campus Auga e o papel do instituto na procura de solucións sostibles para o sector agroalimentario, promovendo a colaboración entre a ciencia, a industria e o territorio.

A participación do IAA reflicte o seu compromiso coa misión do Campus Auga: poñer a investigación e o coñecemento ao servizo do territorio, favorecendo unha sociedade máis innovadora e responsable co medio.

Pódese ver o vídeo do encontro no seguinte enlace.