A contaminación dos solos europeos por pesticidas é o obxecto dun estudo internacional publicado na revista Nature, no que participan as investigadoras do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA) María Jesús Iglesias Briones e Julia Köninger. A investigación revela que o 70 % dos solos europeos presentan residuos destes compostos, con efectos negativos sobre a biodiversidade e as funcións dos ecosistemas edáficos.
O traballo, no que colaboraron dez institucións europeas, proporciona por primeira vez evidencias cuantitativas sobre a presenza e o impacto dos pesticidas empregados na agricultura nos solos europeos. Para iso, analizáronse 373 mostras procedentes de campos agrícolas, bosques e praderías de 26 países, avaliando os efectos de 63 pesticidas sobre diferentes organismos do solo.
Os pesticidas afectan á biodiversidade do solo
Os resultados amosan que os residuos de pesticidas non se limitan aos terreos agrícolas, senón que tamén están presentes en bosques e praderías. Os funxicidas representan o 54 % dos ingredientes activos detectados, seguidos dos herbicidas (35 %) e dos insecticidas (11 %). Entre as substancias identificadas destaca o glifosato.
A investigación tamén evidencia que estes compostos poden alterar as comunidades de organismos edáficos, incluíndo bacterias, fungos, nematodos e organismos unicelulares. Entre os máis afectados están os fungos micorrízicos, fundamentais para a absorción de auga e nutrientes polas plantas e, polo tanto, para o desenvolvemento dos cultivos.
Ademais dos efectos sobre a biodiversidade, o estudo identifica alteracións en funcións esenciais do solo, como o reciclado e a liberación de nutrientes como o fósforo e o nitróxeno. Estas modificacións poden comprometer o funcionamento dos ecosistemas edáficos e a súa capacidade para manter a produción agrícola.
Cara a unha mellor avaliación do impacto dos pesticidas
Os resultados poñen de manifesto a necesidade de ampliar os sistemas actuais de avaliación dos praguicidas, incorporando os efectos sobre as comunidades de organismos e as funcións do solo, máis alá das probas convencionais realizadas con especies individuais en laboratorio.
Deste xeito, o traballo contribúe a coñecer mellor a magnitude da contaminación dos solos europeos por pesticidas e achega evidencias para avanzar cara a unha normativa que teña en conta os seus efectos sobre a biodiversidade e o funcionamento dos ecosistemas.
Consulta a información completa na noticia publicada polo DUVI:
