Indicadores actualizados ano 2025

Produción Científica

En 2025, o IAA consolidou a súa actividade investigadora cun total de 266 publicacións en revistas indexadas na base de datos Journal Citation Reports (JCR), das cales 200 corresponden a revistas do primeiro cuartil (Q1) e 103 sitúanse no decil superior (D1), o que reflicte unha elevada calidade científica. Destaca tamén a forte colaboración internacional, presente en 210 publicacións. As mulleres manteñen un papel central na actividade científica do instituto, participando en 155 publicacións.

O persoal investigador do instituto asumiu o papel de corresponding author en 115 traballos, cunha presenza moi significativa das investigadoras, que lideraron 56 destas publicacións.

A produción científica complétase con 12 capítulos de libro, 1 libro e a defensa de 9 teses doutorais.


Financiamento

En 2025, o instituto iniciou 4 proxectos europeos, con un financiamento total de 867.475,75 €, e 11 proxectos estatais e autonómicos, cun financiamento de 1.063.108,55 €, no marco da súa participación en convocatorias competitivas.

A actividade de transferencia de coñecemento mantívose nun nivel elevado, coa firma de 76 contratos de I+D con empresas, que supuxeron un volume económico de 729.163,66 €, consolidando a colaboración co tecido produtivo.


Imaxe composición persoal IAA por categoría 

Persoal

O maior activo do centro é, sen dúbida, o seu persoal.

A 31 de decembro de 2025, o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo contaba con 194 integrantes (70% mulleres e 30% homes), cunha composición maioritariamente feminina en todas as categorías do persoal investigador e de apoio.

O persoal distribúese en 40 investigadores/as sénior, 21 posdoutorais, 94 predoutorais e 39 persoas de apoio á investigación, configurando unha estrutura sólida e equilibrada que combina liderado científico, formación de novo talento e soporte técnico especializado.


Organización

Os corpos de Goberno do IAA destacan pola paridade á hora de establecer a súa composición. Como se pode observar, todas as comisións contan cun número mínimo de presencia feminina que represente o 50% do total de membros. Para o Instituto, a igualdade de xénero é un alicerce transversal á hora de instrumentalizar os órganos de goberno.