O Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA) convoca a segunda edición do concurso fotográfico «Enfocando a igualdade: mulleres, ciencia e diversidade», unha iniciativa coa que busca promover a igualdade de xénero, a diversidade e a equidade no ámbito científico a través da fotografía.
O certame pretende visibilizar o papel da igualdade nas ciencias agroecolóxicas e alimentarias e nas actividades desenvolvidas no IAA, convidando ao estudantado e ao persoal do Instituto a compartir imaxes que reflictan estes valores no ámbito académico, laboral e social.
Temática
As fotografías deberán abordar temas relacionados coa igualdade de xénero dentro do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA) e a súa contorna. Entre as temáticas propostas inclúense:
- Igualdade de oportunidades na investigación do IAA.
- Mulleres na ciencia e na investigación do IAA.
- Representacións da diversidade de xénero no IAA.
- Iniciativas ou proxectos que promovan a equidade de xénero.
- Situacións cotiás que reflictan a igualdade de xénero.
Participantes
O concurso está dirixido ao estudantado e ao persoal pertencente ao Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA). Cada participante poderá presentar ata dúas fotografías orixinais e inéditas, en cor ou en branco e negro, de acordo coas condicións establecidas nas bases da convocatoria.
Nesta edición concederanse os seguintes premios:
- Primeiro premio: 250 € e diploma acreditativo.
- Segundo premio: 150 € e diploma acreditativo.
- Dous terceiros premios: 100 € e diploma acreditativo para cada un.
A participación estará aberta ata o 30 de setembro de 2026 (23:59 h).
Consulta as bases completas da convocatoria aquí.
