O proxecto BioCordelia celebra a súa reunión de lanzamento

O proxecto europeo BioCordelia, financiado polo programa Horizon Europe a través da Circular Bio-based Europe Joint Undertaking (CBE JU), celebrou a súa reunión de lanzamento (kick-off meeting) en Espoo (Finlandia), nas instalacións do VTT – Technical Research Centre of Finland, entidade coordinadora do consorcio.

Durante este encontro inicial, as entidades participantes estableceron as bases para o desenvolvemento do proxecto, definindo os seus obxectivos, a planificación das actividades e a folla de ruta que guiará os traballos ao longo dos próximos 42 meses.

BioCordelia ten como obxectivo desenvolver sistemas innovadores e biodegradables de liberación controlada de fertilizantes, baseados en materiais lignocelulósicos procedentes de subprodutos agrícolas e forestais. Esta investigación busca contribuír á redución da contaminación por microplásticos no solo e promover sistemas agrícolas máis sostibles e eficientes no uso dos recursos.

A participación da Universidade de Vigo no proxecto está liderada pola investigadora Paula Pérez Rodríguez, coa colaboración do investigador Manuel Conde Cid. Ambos, integrantes do grupo Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos (BV1) e investigadores do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA), achegan a súa experiencia na biodegradación de compostos orgánicos no sistema solo-planta mediante o uso de isótopos estables.