Lanzamento da UMI SOSTENAVE no Campus de Ourense

UMI Sostenave

O xoves 11 de xuño tivo lugar no Campus de Ourense a xornada de lanzamento da Unidade Mixta de Investigación SOSTENAVE, unha iniciativa de colaboración entre a Universidade de Vigo, o Grupo Coren e Sertogal orientada á mellora da sustentabilidade e a competitividade da avicultura de carne.

A Universidade de Vigo participa nesta UMI a través do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA) e do Instituto de Investigación en Física, Computación e Ciencia Aeroespacial (IFCAE), que representan a súa capacidade investigadora no proxecto e contribúen ao desenvolvemento de solucións innovadoras aplicadas ao sector agroalimentario. A xornada reuniu aos diferentes socios da iniciativa e serviu como punto de partida para a posta en marcha oficial dun proxecto que aposta pola colaboración público-privada e a transferencia de coñecemento.

O acto contou coa participación de Manuel Joaquín Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Carmen Cotelo Queijo, directora da Axencia Galega de Innovación; e Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do Campus de Ourense.

No transcurso do acto presentáronse os principais obxectivos e liñas de traballo da UMI, centradas na sustentabilidade, a nutrición de precisión e a dixitalización de procesos produtivos, incorporando tecnoloxías avanzadas para mellorar a eficiencia e a calidade na produción avícola.

Máis información no DUVI: https://lnkd.in/eaQ9CYcf