Traballos vinculados ao IAA, premiados no Campus Auga

Persoas investigadoras dos grupos BV1, TEZE, Bio2Val, GISA, EQ4 e Food & Health Omics están vinculadas a diferentes traballos distinguidos na VIII edición dos Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga da Universidade de Vigo.

A VIII edición dos Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga recoñeceu traballos de fin de mestrado, teses de doutoramento, contribucións científicas, resultados de transferencia e actividades de divulgación nas que participan persoas vinculadas ao Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA).

Os traballos distinguidos abranguen ámbitos como a fertilidade dos solos, o aproveitamento de recursos mariños, a investigación alimentaria, a prevención de enfermidades en cultivos e a sustentabilidade agrícola.

Traballos de fin de mestrado

Na modalidade de premios aos traballos de fin de grao e mestrado, figura o traballo Efecto das cubertas vexetais sobre a fertilidade do solo en viñedos. Ensaios nas DO Rías Baixas e Monterrei, de Roxana Cutillas Barreiro, tutorizado por Paula Pérez Rodríguez e Andrés Rodríguez Seijo, investigadores do grupo BV1.

Tamén foi distinguido o traballo Macroalgas mariñas vermellas: Porphyra sp. como modelo para unha biorrefinería para obtención de proteínas e xilano, de Andrea Luaces Pérez, tutorizado por Ana María Torrado Agrasar, do grupo TEZE, e María Luisa Rúa Rodríguez.

Teses de doutoramento

Entre as teses recoñecidas atópase Presenza, transporte e degradación de antibióticos de uso humano (Ciprofloxacina, Claritromicina e Trimetoprima) en solos agrícolas, de Lucía Rodríguez López, dirixida por Manuel Arias Estévez e Andrés Rodríguez Seijo, investigadores do grupo BV1.

A modalidade inclúe tamén a tese Producción dirigida de xilooligosacáridos mediante tecnologías enzimáticas innovadoras para su aplicación en ingredientes alimentarios, de Andrea Rodríguez Sanz, dirixida por Clara Fuciños González, do grupo TEZE, e María Luisa Rúa Rodríguez.

Contribucións científicas

No ámbito das contribucións científicas, destaca o traballo Hydrophilic composite nanoparticles of wheat gluten protein and carboxymethyl cellulose by pH cycle and its emulsification properties for loading curcumin, no que participan Celia Costas e Paz Otero, investigadoras do IAA.

Tamén foi recoñecida a contribución Advancing 3D-Printed Seafood Analogues with Tetraselmis chui and Tetraselmis chui Water Extract, na que participa Pedro Miguel Ferreira Santos, do grupo Bio2Val.

Transferencia de coñecemento

Na modalidade de transferencia, figura o resultado Prevención da incidencia de Black rot en viñedo ecolóxico (BLACKROTEND), no que participan María Fernández González e Francisco Javier Rodríguez Rajo, do grupo GISA.

Así mesmo, foi distinguido o traballo Formación teórica-práctica para a posta en marcha dun obradoiro de elaboración de conservas de tomate nas instalacións da Fundación Menela. Nesta iniciativa participan María Inmaculada Franco Matilla, Raquel Rial Otero, Beatriz Cancho Grande, María Concepción Pérez Lamela e Elena Falqué López, vinculadas aos grupos EQ4, Food & Health Omics e TEZE.

Divulgación científica

Na modalidade de divulgación científica, foi recoñecida a actividade Innovación cara a sustentabilidade no viñedo, desenvolvida por Paula Pérez Rodríguez, investigadora do grupo BV1.

Os traballos distinguidos amosan a diversidade temática da investigación desenvolvida polas persoas vinculadas ao IAA e a súa contribución á xeración de coñecemento, á transferencia de resultados e á divulgación científica.