O proxecto SoilPATH inicia a súa andaina

O proxecto europeo SoilPATH – SOIL Practices Assessment and Transition for Health iniciou a súa actividade coa reunión de lanzamento celebrada os días 22 e 23 de setembro en Gante (Bélxica).

Coordinado pola Universiteit Gent, SoilPATH desenvolverase durante cinco anos no marco de Horizon Europe. O proxecto analizará como as prácticas agrícolas, tanto de forma individual como combinada, inflúen na saúde do solo e no rendemento das explotacións agrarias.

O obxectivo é transformar este coñecemento en ferramentas e solucións prácticas que contribúan a apoiar a toma de decisións no ámbito agrícola e das políticas relacionadas co solo.

A Universidade de Vigo e o IAA participan no consorcio a través do grupo Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos (BV1). Na reunión de lanzamento participaron os IP da UVigo no proxecto, Antía Gómez Armesto e Daniel Arenas Lago, xunto con David Fernández Calviño, líder do Work Package 2 (WP2), e Manuel Conde Cid.

Durante as dúas xornadas de traballo, os socios do consorcio puxeron en común os primeiros enfoques e prioridades do proxecto. A reunión permitiu tamén establecer as bases da colaboración e do traballo que se desenvolverá durante os próximos cinco anos.

A participación da UVigo en SoilPATH contribúe ao desenvolvemento de investigación sobre a relación entre as prácticas agrícolas e a saúde do solo, así como á procura de solucións que faciliten a transición cara a sistemas agrarios máis sostibles.

🔗 Máis información sobre o proxecto: soilpath.eu