Nas últimas semanas publicáronse as resolucións e propostas de resolución de diferentes convocatorias competitivas de ámbito estatal e autonómico destinadas á incorporación e consolidación de persoal investigador.
Entre as persoas seleccionadas figuran varios investigadores e investigadoras adscritos ao Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA).
Na proposta de resolución provisional da convocatoria 2025 das axudas Ramón y Cajal da Axencia Estatal de Investigación foron seleccionados Vanesa Santás Miguel, do grupo Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos (BV1), e Pablo García del Río, do grupo Biorefinería e Valorización da Biomasa (Bio2Val).
Pola súa banda, na proposta de resolución provisional da convocatoria 2025 das axudas Juan de la Cierva foi seleccionada Celia Costas Sánchez, investigadora do grupo Investigacións Agrarias e Alimentarias (AA1).
No ámbito autonómico, a investigadora Laura Meno Fariñas, do grupo Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais (GISA), obtivo unha axuda para completar a etapa de formación posdoutoral da Xunta de Galicia. Ademais, Yedra Vieites Álvarez, do grupo Agrobioloxía Ambiental: Calidade, Solos e Plantas (BEV1); Andrea Rodríguez Sanz, do grupo Grupo de Tecnoloxía Enzimática e Bioestructuras (TEZE); e María Carpena Rodríguez, do grupo Nutrition and Food Group (NuFoG), figuran na proposta de resolución de concesión das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral da convocatoria 2026.
Dende o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación queremos trasladar o noso parabén a todas as persoas seleccionadas e desexarlles moito éxito nesta nova etapa da súa carreira investigadora.
