BIOservicES: servizos ecosistémicos na viticultura

O pasado 11 de xullo, o municipio de Toén (Ourense) acolleu un obradoiro do proxecto europeo BIOservicES. A Universidade de Vigo participa neste proxecto a través de persoal investigador do grupo Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos (BV1), adscrito ao Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA).

A xornada reuniu a viticultores, adegas, administracións públicas, persoal investigador e outras entidades do sector. O obxectivo foi avanzar na co-creación dun modelo de Pagamento por Servizos Ecosistémicos (PES) adaptado á viticultura galega.

Durante o encontro abordáronse diferentes propostas para deseñar un sistema que permita recoñecer e compensar os beneficios ambientais xerados polas prácticas vitícolas sostibles. Entre eles destacan a conservación da biodiversidade, a protección do solo, a mellora da calidade da auga e o mantemento da paisaxe.

As sesións de traballo puxeron de manifesto a importancia de combinar incentivos económicos con medidas de asesoramento técnico, recoñecemento das boas prácticas e sistemas adaptados ás necesidades e características de cada territorio, co obxectivo de favorecer a adopción de modelos de xestión máis sostibles.

O obradoiro forma parte das actividades do proxecto BIOservicES, que promove o desenvolvemento de ferramentas e enfoques innovadores para integrar os servizos ecosistémicos na xestión sostible dos sistemas agrarios e contribuír á transición cara a unha agricultura máis resiliente.