O IAA súmase á Semana Mundial de Concienciación sobre a Resistencia aos Antimicrobianos

O campus de Ourense acolle estes días diferentes actividades para sensibilizar sobre a resistencia aos antimicrobianos, un dos grandes retos actuais para a saúde pública, no marco da Semana Mundial de Concienciación sobre esta problemática.

Entre as iniciativas destaca a VIII Xornada de concienciación sobre o uso dos antibióticos, organizada pola Área de Microbioloxía da Universidade de Vigo, na que participarán investigadoras vinculadas ao Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA). As intervencións abordarán a relación entre antibióticos, alimentos e saúde, así como a presenza destes compostos no medio ambiente.

A programación complétase cunha exposición divulgativa sobre as bacterias multirresistentes, que pode visitarse na entrada do edificio Politécnico da Facultade de Ciencias.

Estas actividades contribúen a visibilizar a importancia de abordar a resistencia aos antimicrobianos desde a perspectiva de Unha soa saúde, que integra a saúde humana, animal, vexetal e ambiental.

Consultar a noticia completa no DUVI