Os investigadores da Universidade de Vigo, Andrés Rodríguez Seijo e Virginia Sánchez Navarro, participaron na reunión anual do proxecto europeo BIOservicES, celebrada en Zaragoza do 29 de setembro ao 1 de outubro de 2026. O encontro permitiu compartir resultados científicos, revisar o progreso das distintas liñas de traballo e coñecer experiencias de xestión do solo sobre o terreo.
Coordinado pola Universidad Politécnica de Cartagena, BIOservicES investiga a biodiversidade do solo e a súa relación co funcionamento dos ecosistemas e cos servizos que estes proporcionan. A Universidade de Vigo, a través do grupo BV1 do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA), é responsable do paquete de traballo WP2, dedicado á biodiversidade do solo e aos servizos ecosistémicos.
Durante a reunión presentáronse resultados das análises de distintos grupos de organismos do solo, desde microorganismos ata a fauna edáfica, xunto con traballos sobre almacenamento de carbono, emisións e contaminantes. Tamén se revisaron os avances na valoración económica dos servizos ecosistémicos, a certificación do solo e o desenvolvemento de instrumentos financeiros e políticos relacionados coa súa conservación.
A xornada final incluíu visitas a zonas experimentais mediterráneas para observar como as prácticas de manexo inflúen nas paisaxes agrícolas, así como a unha área mineira restaurada e a unha almazara en Albalate del Arzobispo.
A reunión permitiu poñer en común os avances acadados no terceiro ano do proxecto e abordar os seguintes pasos para mellorar o coñecemento sobre a biodiversidade do solo e incorporar este coñecemento á súa xestión sostible.
