O IAA achega os seus proxectos ao Soils For Europe Conference

Os investigadores do IAA María Jesús Iglesias Briones e Andrés Rodríguez Seijo participaron recentemente no Soils For Europe Conference, celebrado do 7 ao 11 de setembro en Coimbra (Portugal).

O encontro, organizado no marco do proxecto SOLO, reuniu arredor de 500 investigadores e profesionais para presentar avances no ámbito da saúde do solo e compartir resultados de diferentes proxectos europeos.

No marco do congreso celebrouse tamén, no Xardín Botánico de Coimbra, unha feira aberta ao público na que se presentaron máis de 40 proxectos. O IAA estivo representado a través dos proxectos SOB4ES, InBestSoil, BIOservicES e AGROSUS, que permitiron achegar os seus principais resultados tanto ás persoas participantes no congreso como ao público xeral.

Durante o encontro, María Jesús Iglesias Briones organizou unha mesa redonda sobre os problemas prácticos e os obstáculos na elaboración de políticas sobre o solo a escala nacional e supranacional. Tamén presentou resultados relacionados co papel dos pesticidas na biodiversidade do solo.

Pola súa banda, Andrés Rodríguez Seijo participou como convidado nunha mesa redonda sobre como potenciar a investigación e a innovación no ámbito dos solos, organizada no marco do proxecto IMPACT. Ademais, participou na reunión presencial do Cluster de Contaminación do Solo da Comisión Europea, na que presentou os principais resultados do proxecto InBestSoil, coordinado por el e liderado desde a Facultade de Ciencias de Ourense.

A participación neste encontro permitiu compartir resultados dos proxectos nos que participa o IAA e establecer contacto con investigadores e profesionais de diferentes países europeos arredor dos retos actuais para a saúde e a sustentabilidade dos solos.