O IAA participou no Foro de Sostibilidade Alimentaria, celebrado o 29 de xaneiro de 2026 e organizado por Clusaga, unha xornada que sitúa a sustentabilidade alimentaria como eixo central e que se enmarca na II Edición do Foro GREEN VALUE 4 FOOD. O encontro centrouse en analizar os avances do sector en materia de sostibilidade e economía circular, co obxectivo de acompañar ás empresas na súa transición cara a modelos máis verdes e dixitais.
O Foro GREEN VALUE 4 FOOD contou cunha apertura institucional que abordou as políticas públicas vinculadas á transición verde, seguida de relatorios e mesas redondas temáticas. Os contidos abarcaron cuestións clave para o sector alimentario, como o impacto ambiental das cadeas de valor, a valorización de residuos, o ecodeseño de produtos, a pegada ambiental, o capital natural e as finanzas sostibles. Esta edición reforzou a importancia de avanzar cara a modelos produtivos responsables e competitivos, promovendo un desenvolvemento sostible e circular ao longo de toda a cadea de valor alimentaria.
O IAA estivo representado polos investigadores Pedro Ferreira Santos e Rosa Pérez-Gregorio, que asistiron á xornada como público, seguindo de cerca os debates e os relatorios, mantendo actualizado o seu coñecemento sobre tendencias e retos do sector.
Ademais, o foro consolidouse como un espazo de networking e colaboración, incorporando unha área expositiva cunha mostra de solucións sostibles para o ecosistema alimentario. A asistencia ao evento permitiu ao IAA conectarse con outros axentes do sector, reforzando a súa vinculación co tecido empresarial e coas iniciativas de innovación sostible que se están a desenvolver en Galicia e noutros territorios.
A participación do IAA neste tipo de encontros subliña o compromiso do instituto coa investigación aplicada, coa sostibilidade alimentaria e co seguimento das transformacións que afectan á industria agroalimentaria.
