A Universidade de Vigo, a través do grupo BV1 – Pranta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos, que forma parte do IAA, participa en dous proxectos europeos financiados polo programa Interreg Sudoe, centrados na mellora da sustentabilidade dos viñedos.
Soil&WineResidues
O proxecto Soil&WineResidues – Sostibilidade do solo do viñedo e aproveitamento ecoeficiente dos residuos vitivinícolas, coordinado pola Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), conta con 14 socios de España, Portugal e Francia e un orzamento de case 1,8 millóns de euros. A participación da Universidade de Vigo está liderada por Vanesa Santás Miguel (BV1, IAA).
A iniciativa promove unha economía circular, aproveitando residuos lignocelulósicos das viñas para mellorar a fertilidade do solo, desenvolver produtos comerciais e xerar enerxía renovable. Analizaranse o estado dos solos, os seus servizos ecosistémicos e o papel dos residuos na ecoeficiencia e biorrefinería.
Ademais, implantaranse dous proxectos piloto con actores locais para avaliar a saúde do solo, o uso dos residuos e o efecto dos fungicidas. Se espera que os resultados do proxecto contribúan á toma de decisións territoriais, á transferencia de coñecemento e ao desenvolvemento rural, fortalecendo a competitividade e resiliencia do sector ante o cambio climático.
Viti-Valmo
O proxecto Viti-Valmo – Valorización de residuos orgánicos locais para unha viticultura resiliente fronte ao cambio climático, coordinado por Agropolis International, conta con seis socios de España, Portugal e Francia, e coa participación da UVigo e do Inorde, cun orzamento de case 1,17 millóns de euros. Neste caso a participación da Universidade de Vigo está liderada por Manuel Conde Cid (BV1, IAA).
O proxecto busca mellorar os solos vitícolas usando emendas orgánicas combinadas con biocarbón, compost e bioestimulantes, co obxectivo de aumentar a fertilidade, biodiversidade e retención de auga.
Para superar os retos de custo e produción de biocarbón, desenvolverase unha unidade móbil de transformación, que se probará en diferentes zonas do espazo Sudoe. A iniciativa inclúe tamén diagnósticos e estratexias para valorizar residuos locais e adaptalos a distintos contextos ambientais e socioeconómicos.
