Cando se cumpre un ano da súa posta en marcha, os socios do proxecto europeo Wheatbiome déronse cita este venres no campus de Ourense para facer balance dos seus avances no reto de deseñar novos alimentos e sistemas agroalimentarios utilizando o potencial microbiano e centrándose no caso do trigo. Na iniciativa participan 13 institucións de Hungría, Polonia, Lituania, Holanda, Portugal e España, entre elas a Universidade de Vigo.
Wheatbiome, Unravelling the potential of the wheat microbiome for the development of healthier, more sustainable and resilient wheat-derived food & feed products, é un proxecto que conta cun financiamento de cinco millóns de euros por parte da Comisión Europea no marco do programa Horizon. A súa coordinación corre a cargo de Susana Soares (de Requimte, Rede de Química e Tecnoloxía, participada polas universidades Nova de Lisboa e de Porto) e desde a UVigo Rosa Pérez Gregorio (do grupo CF1 Food and Health Omics), estando tamén como investigador principal do proxecto por parte da institución académica o catedrático Jesús Simal. A asemblea xeral celebrada na Facultade de Ciencias do campus de Ourense contou coa participación de arredor de 40 investigadoras e investigadores, que expuxeron o estado de execución de cada liña de actuación do proxecto. Tamén tiveron a oportunidade de coñecer o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo.