Participación do grupo BV1 na XXXIV Reunión Nacional de Suelos

O Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA) participou, a través do grupo Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos (BV1), na XXXIV Reunión Nacional de Suelos (RENS 2026), celebrada do 1 ao 4 de setembro en Alcoi (Alacant).

O encontro foi organizado pola Sociedad Española de la Ciencia del Suelo, o Grupo de Edafología y Tecnología del Medio Ambiente (GETECMA) da Universidade Miguel Hernández, a Facultad de Ciencias Experimentales da mesma universidade e o Ajuntament d’Alcoi.

Na reunión participou persoal investigador senior, predoutoral e técnico do BV1, que presentou un total de 13 comunicacións. Os traballos abordaron diferentes aspectos relacionados coa saúde e calidade do solo, a contaminación, a fertilización, os solos forestais, a viticultura e a sustentabilidade dos sistemas agrarios.

Entre os traballos presentados abordáronse os servizos ecosistémicos asociados á saúde do solo, o efecto de nanofertilizantes sobre o trigo, a resposta de Lactuca sativa L. a nanopartículas de cobre e a retención de glifosato mediante nanopartículas de óxidos de ferro.

Tamén se presentaron resultados sobre a caracterización de horizontes orgánicos de solos forestais de Galicia, a influencia da especie arbórea nas propiedades químicas dos solos, a presenza de microplásticos baixo diferentes usos do solo e a adsorción do fungicida boscalid en solos de viñedo.

A participación incluíu igualmente comunicacións vinculadas aos proxectos VITI-VALMO, InBestSoil e AGROSUS, así como estudos sobre a calidade biolóxica do solo en olivares e sobre a toxicidade do bagazo e do raspón de tres adegas do espazo SUDOE.

A RENS 2026 foi un punto de encontro para presentar resultados e compartir coñecemento no ámbito da ciencia do solo.