O Grupo Operativo XIPrisco, no que participou a Universidade de Vigo a través do grupo GISA (Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais), adscrito ao Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA), concluíu o seu traballo co desenvolvemento de modelos de predición capaces de reducir entre un 40 % e un 50 % os tratamentos fúnxicos no cultivo da pataca sen comprometer a rendibilidade da produción.
Ao longo de tres anos de investigación, o proxecto impulsou ferramentas de apoio á toma de decisións para a xestión sostible do mildio e da alternariose, combinando investigación científica, innovación tecnolóxica e validación en condicións reais de cultivo. Entre os resultados destaca tamén o desenvolvemento dunha aplicación informática que permitirá aos agricultores acceder a información actualizada sobre o risco destas enfermidades e optimizar a toma de decisións no campo.
O proxecto constitúe un exemplo de colaboración entre persoal investigador, técnico e agricultores para avanzar cara a unha agricultura máis sostible, competitiva e resiliente.
Máis información:
