Visita dunha delegación do Instituto Federal Goiano – Campus Rio Verde

O pasado 19 de xuño, o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA) recibiu a visita dunha delegación de profesoras e profesores do Instituto Federal Goiano – Campus Rio Verde (Brasil), no marco dunha xornada de intercambio académico e institucional promovida pola Universidade de Vigo e o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).

Durante a súa estancia no Campus Auga da Universidade de Vigo, a delegación coñeceu de primeira man as infraestruturas, os equipamentos e as capacidades científico-técnicas do IAA e do propio Campus.

Os participantes foron recibidos por David Fernández Calviño, director do IAA; Sidonia Martínez Suárez, responsable da Planta Piloto de Industrias Alimentarias; e Patricia Gullón Estévez, coordinadora dos laboratorios, quen presentaron as principais instalacións e liñas de traballo do Instituto.

Ao longo da visita, a delegación percorreu os laboratorios do IAA, coñeceu os seus principais equipamentos científicos e visitou a Planta Piloto de Industrias Alimentarias, unha infraestrutura estratéxica para o desenvolvemento de investigación aplicada, a innovación e a transferencia de coñecemento ao sector agroalimentario.

Este encontro permitiu dar a coñecer as capacidades científicas e tecnolóxicas do Instituto e favorecer o intercambio de experiencias, reforzando as oportunidades de colaboración internacional entre ambas institucións no ámbito da investigación e da formación.