Homenaxe a Francisco Javier Carballo en Parada de Sil

O catedrático da Universidade de Vigo Francisco Javier Carballo García foi homenaxeado polo Concello de Parada de Sil con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, nun acto de recoñecemento á súa destacada traxectoria científica e ao seu estreito vínculo co municipio que o viu nacer.

Nado na Casa do Vento, en Parada de Sil, Francisco Javier Carballo é unha figura de referencia no ámbito da Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos. Ao longo da súa carreira desenvolveu unha intensa actividade investigadora e docente na Universidade de Vigo e en centros internacionais de prestixio, como o Instituto Nacional para la Investigación Agronómica (INRA) de París, contribuíndo de maneira significativa ao avance do coñecemento científico e á formación de novas xeracións de profesionais.

O acto contou coa participación de representantes institucionais e membros da comunidade local. Durante a homenaxe destacáronse tanto os seus méritos académicos e científicos como os valores de esforzo, constancia e compromiso coa sociedade que marcaron a súa traxectoria persoal e profesional.

Visiblemente emocionado, o investigador agradeceu o recoñecemento, que cualificou como un dos máis especiais da súa vida, ao considerar que pon en valor o seu vínculo afectivo coa súa terra de orixe. A xornada concluíu coa colocación dunha placa conmemorativa na súa casa natal.

Desde o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación sumámonos a este merecido recoñecemento..