O grupo Cervexa dende a Ciencia inicia a súa actividade

Grupo Cervexa dende a Ciencia

O pasado 9 de abril tivo lugar a primeira sesión do Grupo de Elaboración de Cervexa dende a Ciencia, unha iniciativa que combina formación práctica e divulgación científica no ámbito da tecnoloxía dos alimentos. A actividade contou cunha gran acollida por parte do alumnado de titulacións como Enxeñaría Agraria, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Ciencias Ambientais.

Durante esta primeira sesión elaborouse a base dunha cervexa tipo IPA con dry hopping, no marco dunha aprendizaxe orientada á experimentación. O proceso completarase a comezos de maio coa fase de embotellado na Planta Piloto do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, situada no campus de Ourense da Universidade de Vigo, onde o alumnado pode traballar a pequena escala en condicións similares ás da produción industrial.

A iniciativa nace coa vocación de continuidade, prevendo ata catro elaboracións por curso, e co obxectivo de complementarse con actividades formativas asociadas.

A actividade conta co apoio do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, da Facultade de Ciencias e dos grupos de investigación Bio2Val e AA1.

O proxecto está impulsado e coordinado por persoal investigador da Facultade de Ciencias e da Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI), entre eles María García Martí (grupo AA1), Fer Rebelo, Bea Rodríguez Martínez e Alexandre Rubira (grupo Bio2Val), así como Rubén Veloso (ESEI, Departamento de Automática).