O proxecto Net4food porá en marcha unha rede de excelencia alimentaria na eurorrexión Galicia-norte de Portugal que incida no desenvolvemento do sector a través da cooperación, a innovación e a sostibilidade. Con este obxectivo presentouse este xoves no campus de Ourense o proxecto Net4food. Coordinado polo Instituto Politécnico de Bragança, nel participan a Universidade de Vigo, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía, así como o clúster Portugal Foods e os laboratorios colaborativos More e Aqua Valor. A rede resultante do proxecto será a base do futuro Iberian FoodTec Lab.
Fortalecer as capacidades científicas e innovadoras
Net4Food é un proxecto europeo que se desenvolverá ata finais de 2025 con financiamento do programa POCTEP, iniciativa de cooperación transfronteiriza dentro do Interreg VI España-Portugal, e fondos Feder, sendo o seu orzamento total de 688.264 euros. Ao longo do proxecto, os seus socios analizarán, capitalizarán e sistematizarán o coñecemento innovador existente como base para orientar a acción da rede e do futuro Iberian FoodTec Lab e crearán a estrutura operacional básica desta rede, garantindo a súa viabilidade alén do proxecto. Ademais, articularán novos procesos de transferencia, favorecendo o xurdimento de novos produtos e interrelacionando os diferentes axentes do ecosistema de I+D+i alimentario na eurorrexión para xerar novas sinerxías entre eles. O proxecto tamén inclúe promover as capacidades innovadoras do ecosistema de investigación, introducindo a formación de persoal investigador actual e futuro e xerando relacións empresariais baseadas en novas liñas de innovación. O desenvolvemento da rede suporá a “creación dunha estrutura previa ao Laboratorio Ibérico de Alimentos”, laboratorio que foi acordado na XXXIII Reunión Luso-Española celebrada en novembro do pasado ano en Viana do Castelo (Portugal).