33 científicos e científicas da Universidade de Vigo están entre os máis citados do mundo segundo se reflicte no ránking que elabora a Universidade de Stanford. Esta publicación, coordinada por John P. A. Ioannidis, analiza máis de 204.000 investigadores pertencentes a 22 campos científicos e 174 subcampos atendendo á clasificación estándar de Science-Metrix.
A base de datos da Universidade de Stanford analiza as publicacións de científicos “de primeiro nivel”, é dicir, persoal investigador que se atopa entre o 2% superior de citas, proporcionando de cada unha e un deles información estandarizada sobre citas, índice h, índice hm axustado por coautoría, citas de artigos en diferentes posicións de autoría e un indicador composto, entre outros aspectos, proporcionando métricas con e sen autocitas. Ademais, o ránking ofrece tanto unha perspectiva global do impacto das citas ao longo da carreira de cada investigador e investigadora como unha clasificación atendendo aos datos do último ano, o 2022.