Investigadores da UVigo coordinan un proxecto europeo financiado con 4,5 millóns de euros dirixido a identificar novas fontes de proteínas

Desenvolver novas fontes de proteínas a partir de diferentes descartes de alimentos mariños, contribuíndo así de maneira clara a aumentar a dispoñibilidade de proteínas na Unión Europea e reducindo a dependencia real das importacións, cifradas na actualidade en arredor de 21.000 millóns de euros exclusivamente en peixe . Este é o grande obxectivo co que acaba de pórse en marcha PROMISEANG, un proxecto de investigación financiado pola UE con 4,5 millóns de euros, liderado desde a Universidade de Vigo polo catedrático Jesús Simal e no que, ademais, participan socios de Portugal, Alemaña, Polonia e Hungría. A reunión de lanzamento tivo lugar esta fin de semana en Polonia e nela puxéronse os alicerces para 48 meses de traballo nos que se tratará de buscar proteínas alternativas procedentes da fermentación microbiana de fontes mariñas non convencionais de cara a buscar a próxima xeración de alimentos, pensos e outras aplicacións de base tecnolóxica non alimentaria, incluíndo biomedicina, farmacia e cosmética.

Trátase de desenvolver novas proteínas alternativas a partir de fontes mariñas infraexplotadas -descartes de invertebrados mariños, macroalgas e biorresiduos industriais- a través da fermentación da biomasa, xerando así unha nova biomasa microbiana enriquecida con proteínas, cumprindo os requisitos do mercado para aplicacións de base biolóxica en alimentos, pensos e aplicacións non alimentarias, como as cosméticas.

Ler a nova completa no DUVI